miércoles, 28 de marzo de 2012

Proxecto básico e de execución de rehabilitación Castelo de Pambre


PREGUNTA:

¿Como se poden pagar 48.700 euros (sen IVE) pola redacción do "Proxecto básico e de execución de rehabilitación Castelo de Pambre?

OLLO!!  R- E-D-A-C-C-I-O-N !!!

PARA MAIS INFORMACIÓN VER A PÁXINA DOS CONTRATOS DA XUNTA:

http://www.contratosdegalicia.es/consultaOrganismo.jsp?N=218&PA=1&ID=700&lang=gl

 E aquí tedes a quen lle tocou

http://www.contratosdegalicia.es/licitacion

OLLO!! ADXUDICACIÓN SEN PUBLICIDADE!!!

domingo, 25 de marzo de 2012

Torres e Fortalezas da Ulloa (1)






No transcurso de 1955, a Deputación Provincial de Lugo imprime o primeiro tomo de "Fortalezas de Lugo y su provincia", que segundo di o propio autor, Manuel Vazquez Seijas, proponse "solamente relacionar las fortalezas medioevales de que temos noticia, existentes unas, desaparecidas otras, comprendiendo en esta denominación genérica, murallas, fortalezas, castillos, torres, casas-torres y casas-fuertes."
Dito inventario remataría sendo un compendio de 6 tomos que foron publicados nos anos 1955, 1959, 1962, 1967, 1970 e 1973.
Se nos centramos so no que se refire Á Ulloa, Vazquez Seijas inventaría 17 edificacións: 6 castelos, 1 fortaleza, 7 torres e 3 casas-torres. Claro que, como el di, neste inventario aparecen tanto os edificios existentes como os que xa desapareceron.

O listado, separado por concellos sería o seguinte:
  • Antas de Ulla : Castelo de Amarante e Torre do pazo de Santa Mariña de Castro de Amarante (as dúas existen na actualidade)
  • Monterroso : Casa-torre de Monterroso, Casa de Cumbraos, Torre de San Miguel de Penas, Torre de Fente, Torre de Bidouredo e Torre de Güimil (as tres primeiras existen, as tres últimas xa están desaparecidas)
  • Palas de Rei: Castelo de Pambre, Casa-torre de Fontecuberta, Torres dos Ulloa, Torre de Quindimil, Fortaleza de Pena da Merla (cinco que aínda existen), Castelo de Ramil, Castelo de Felpós, Castelo de Curvián e Castelo de Castro das Seixas (catro desaparecidas).

Dicir o respecto desta lista que nela non aparece o Castelo de Sirgal, vivenda dos Condes de Monterroso e supostamente desaparecido a mans dos irmandiños. Non sei se a súa ausencia débese a falta de documentación histórica que avale a súa existencia ou se foi excluída por outra razón.


Foto1: Torre do Pazo de Santa Mariña de Castro de Amarante (Antas de Ulla)
Foto 2: Torre de San Miguel de Penas (Monterroso)
Foto 3: Castelo de Pambre (Palas de Rei)

sábado, 18 de febrero de 2012

Son d'aldea 2011: mallando con mallo







O remate do roteiro teatral de Son d'aldea foi unha malla, pero unha malla sen máquinas, unha malla con mallo: a man e sobre a eira.
Para min o mellor da malla foi toparme con Filomena (foto 7). Ela faloume dos anos cando era nena e a malla, a pesar de ser unha labor dura tiña ese aquel de festa. Filomena, na súa lembranza de outros tempos, contoume o que era unha raposa: "Os maiores dicíannos aos nenos que a ver quen facía a raposa mais grande" [eu non sabía que era unha raposa e pregunteille] "Recollíamos as espigas que quedaban polo chao e íamos facendo un fachuco, así (foto 8) pero con moitas mais, e logo atabase cunhas pallas". Ela recolleu espigas e deumas para que eu as atase. Ateinas e leveinas para a miña casa. Agora están xunto a ventá da miña cociña.


Dende aquí os meus parabens a todas e todos os que fixeron posible que o Son d'aldea 2011. Grazas por facerme tan feliz por un día.


Detalles do Son d'aldea 2011.
Santiago de Albá.
Palas de Rei

jueves, 9 de febrero de 2012

Son d'aldea 2011: Curuxás e as lavandeiras






Como veño contando nas entradas anteriores, o roteiro do Son d'aldea levounos por todo Santiago de Albá e parte dos arredores. O saír do monte voltamos cara á aldea atravesando unha corredoira, no medio desta saíunos ó paso a pantasma de Curuxás (fotos 1 e 2), o maqui mais afamado da Ulloa, quen viviu fuxido no monte ata os anos sesenta cando apareceu morto no monte.

Baixando a corredoira fomos dar xunto unhas lavandeiras (foto 3) e lembreime de cando eu era pequena, e no verán, ía a lavar ó río coa miña tía Carmiña. E cando vin o xabón feito na casa (foto 4), lembreime do facía miña mai, igualiño, tan suave... Lembro o fume que facía a sosa, a graxa de porco, a miña mai remexendo, o cheiro, o caixón de madeira onde se botaba...¡Canta alquimia!

As lavandeiras recolleron os seus cestos de roupa mollada (foto 5) e o lavadoiro quedou orfo (foto 6) pero fermoso.


Detalles do Son d'aldea 2011.
Santiago de Albá.
Palas de Rei.

domingo, 5 de febrero de 2012

Son d'aldea 2011: a trapela

Certo é que a fame agudiza o enxeño e no rural galego da posguerra había moita fame. Se non tiñas escopeta para saír a cazar perdices, sempre tiñas a opción de poñer unha trapela e esperar.
A xente do Son d'aldea explicounos como facer e colocar unha daquelas trapelas para perdices que eles mesmos empregaban cando eran pequenos.
A trapela facíase en madeira e estaba formada por un marco ó que se lle acoplaban dúas placas, estas placas abríanse ó facer un pouco de forza sobre elas (fotos 1 e 2) e pechábanse ó deixar de facela.

Para colocar a trapela facíase un burato no chan (foto 3). Sobre o burato colocábase a trapela e axustábase con pedras (foto 4 e 5). Por último, tapábase con herbas ou musgo e poñíanse toxos deixando un paso para obrigar á perdiz a pasar por alí (foto 6).


Detalles do Son d'aldea 2011.
Santiago de Albá.
Palas de Rei